見出し画像

O Cumbre Vieja volve ruxir e expulsar lava máis fluída en dirección ao mar

Lava que non para

O volcán entraba nas últimas horas nunha nova fase, con fortes explosións e grandes expulsións de lava, que baixa máis fluída, en forma dunha gran coada que descende desde o cono principal polo camiño aberto polas anteriores coadas.

Faino por enriba delas e chegou xa á montaña de Todoque, unha das localidades con maior grao de destrución, dividíndose en dous para superala camiño do mar. Polo momento a lava expulsada polo volcán cobre 258 hectáreas, destruíu máis de 700 edificacións e obrigou a evacuar case 6.000 veciños.

O cabido da Palma mantén o perímetro de seguridade e prohibe o acceso ás vivendas nas zonas evacuadas. A erupción do Cumbre Vieja xa é a máis destrutiva ocorrida na illa da Palma nos últimos cen anos. Martín, un mariñeiro xubilado de 81 anos, foi testemuña das dúas anteriores, a de 1941 e a do Teneguía, trinta anos máis tarde: "Non fixo tanto estrago coma isto. Isto é demasiado. Isto é unha ruína aquí na illa".

Os técnicos estudan precisamente o enxame de tremores que se rexistraron no sur da illa, ata dezaseis, no concello de Fuencaliente. Unha actividade sísmica que, din os xeólogos, podería estar anticipando unha nova erupción nese lugar. O volcán do Cumbre Vieja daba nas últimas horas mostras da súa natureza imprevisible e cambiante. Estivo varias horas en silencio e sen actividade e logo retomou as explosións.

Unha ampla despregadura de técnicos e científicos monitoriza minuto a minuto os diferentes indicadores, inda que resulta practicamente imposible anticipar nada como seguro. Por exemplo, se a coada vai chegar ou non ao mar.

Como medida preventiva, pechouse o acceso a Playa Nueva, en Tazacorte, e continúan confinados 300 veciños dos catro núcleos de poboación máis achegados ao lugar onde previsiblemente a coada caia ao mar, en previsión dalgunha eventual emanación de ácido clorhídrico.

En só unha semana, o Cumbre Vieja xa superou a última erupción sucedida na Palma, hai 50 anos. Deste volcán xa saíron 46 millóns de metros cúbicos de material en sete días. O Teneguía movera 43 millóns en 24 días.

ここから先は

912字
この記事のみ ¥ 500
期間限定 PayPay支払いすると抽選でお得に!

この記事が気に入ったらサポートをしてみませんか?